Opinión

Unha folga contra o fatalismo

[Xesús M. Piñeiro]

A Mariña parou. A folga xeral convocada na comarca do norte galego tivo un seguimento practicamente total e as miles de persoas que ateigaron Burela para participar na mobilización central da xornada foron unha boa mostra do apoio social ao paro.

‘Futuro para A Mariña’ foi a palabra de orde da folga xeral e das mobilizacións, tamén un lema que en apenas 4 palabras di moito: o dereito a vivir e traballar na propia terra, unha reivindicación que, en diferentes formas e contextos, leva percorrendo Galiza desde hai décadas.

En marzo pasado foron Ferrolterra, Eume e Ortegal as comarcas que secundou unha folga xeral que reaxía contra a ameaza de converter o norte galego nun “ermo industrial”. Agora A Mariña colle o relevo para loitar contra o fatalismo que as Administracións galega e española semellan ofrecer a estes territorios. 

Miles de persoas saíron á rúa onte en Burela para se manifestar por un futuro que, sendo para A Mariña, éo tamén para Galiza. 

Rúas cheas de xente de todas as idades na manifestación e polígonos baleiros pola folga xeral. Que bo e necesario poema faría Darío Xohán Cabana con estes vimbios.

Comentarios