Opinión

FeixVox

[María Obelleiro]

Ademais de indecente, temos un presidente que incumpre a lexislación aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza. Podemos aseveralo tras escoitar onte as súas declaracións a respecto da violencia machista. Para Feixoo, que un pai mate os fillos por "un problema coa súa parella" é "violencia intrafamiliar". "Iso non é violencia machista, é violencia doméstica", salientou, na máis pura liña Vox, co que promoveu o pacto de Goberno en Castela e León. "Xa temos problemas suficientes para montar máis dos necesarios", agregou, a respecto da violencia vicaria, como se esta non fose unha cuestión de primeira orde.

As palabras lamentábeis do aínda presidente da Xunta —a tempo parcial, pois está máis preocupado en dar mitins que en aprobar alternativas contra a crise derivada da alza dos prezos— chegan meses despois de aprobaren os grupos parlamentarios unha lei que recoñece a violencia vicaria e outorga a condición de vítimas da violencia machista todas aquelas mulleres cuxo agresor actúa contra os seus fillos e fillas para lles facer dano. Máis unha mostra de que o carácter de "moderado" que lle atribuíron a Feixoo medios de comunicación 'progres' españois durante todo este tempo non era tal.

Comentarios