Opinión

Feixoo redefine o metro

[Xoán Costa]

Desde sempre o ser humano precisou estabelecer unidades de medida do mundo que o rodea. Entre esas unidades está o metro que cara a 1792 se definía como a dezmillonésima parte da distancia que separa o polo norte do ecuador. Boa definición, mais, quen é capaz de imaxinar unha dezmillonésima parte de algo?

Mais a cousa complícase cando se estabelece que o metro é a distancia que percorre a luz no vacío no intervalo 1/299 792 458. E non fica aínda aí a cousa. Cara a 1960 agroma unha nova definición: un metro é equivalente a 1.650.763, 73 veces a lonxitude de onda no vacío da radiación laranxa do átomo criptón 86. Alguén é capaz de entender o que é un metro? Iso debeu pensar o presidente Feixoo, que estabelece unha nova definición:  un metro é a  distancia que separa o centro de dúas cadeiras nunha aula de secundaria con 30 escolares ben corpulentos que permanecerán 6 horas sentados. A esa distancia tamén se lle poderá chamar metro e medio.

Agora si que fica definido o metro.

Comentarios