Opinión

A familia, a pública e a privada

[Alberte Mera] 

Non só hai na Galiza evidencia de portas xiratorias, casos certificados con exemplos como o de Ence, coa ministra popular de Medio Ambiente Isabel Tocino como conselleira da empresa celulosa, ou a ex conselleira de Medio Ambiente na Xunta da Galiza de Alberto Núñez Feixoo e agora conselleira da empresa enerxética Greenalia, Beatriz Mato. 

Tamén temos na Galiza ligazón familiar entre postos da máis alta Administración galega e a patronal. Este diario informa hoxe de que a xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, é irmá de Manuel López-Pardo, xerente da patronal da sanidade privada, é dicir, da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal).

Ao mesmo tempo vemos que a Xunta da Galiza destinou en 2022 á sanidade privada 219 millóns de euros e que 62,9% do total dos fondos destinados pola Administración galega ao sector sanitario privado foron dedicados a concertos con institucións da Atención Especializada.

É ética a existencia dunha relación familiar directa entre quen se encarga da administración dos recursos económicos da sanidade pública galega con quen se encarga de buscar lucro e beneficios empresarial? Non o parece e deberan, polo menos, darse explicacións ao respecto por parte do conselleiro de Sanidade e o presidente galego. A ética primeiro. 

Comentarios