Opinión

Que a familia Franco devolva o roubado

Catro décadas despois da morte do ditador, a familia Franco continúa a ser titular de propiedades inmobiliarias que no seu día foron froito dun espolio que se quixo amparar na legalidade da autocracia. Estamos a falar do botín dun roubo que aínda non foi restituído aos seus lexítimos donos -no noso caso, o pobo galego-, entre outras cousas porque as diferentes maiorías parlamentares habidas no Estado non se preocuparon de rectificar a historia. Porque diso se trata, non só de exercer a memoria, senón de reparar as inxustizas perpetradas por un réxime tan xenocida como cleptócrata.

Neste Sermos 194 pasamos revista ás posesións que mantén a familia Franco na Galiza. Trátase de inmóbeis que foron rexistados a nome do ditador de forma espuria. O caso do Pazo de Meirás é paradigmático: a súa adquisición financiouse con suscricións voluntarias das coruñesas e dos coruñeses. Un roubo en toda regra. Á morte do ditador, o obxecto do latrocinio non só non foi devolvido ao público, senón que ao contrario, a familia continou especulando con eses bens, con terrenos anexos ao Pazo que fora adquirindo o Estado durante a ditadura e que, recualificados, foron vendidos ao mellor postor.

Non se trata só de exercer a memoria, senón de reparar as inxustizas perpetradas por un réxime tan xenocida como cleptócrata

Durante o bipartito, o Pazo de Meirás foi declarado ben de interese cultural (BIC), mais nen sequera a familia Franco respeita o réxime de visitas (abertura ao público durante catro días ao mes) que esa cualificación comporta. A actitude dos herdeiros do ditador non debe surprender, sendo que durante décadas, en democracia, tiveron o amparo do Estado español, até o ponto de a viúva de Franco, Carmen Polo, recibir até a súa morte en 1988 unha paga anual de 12,5 millóns de pesetas a cargo do erario público.

É unha cuestión de dignidade elemental pór fin a esta situación. Non se trata aquí de que a familia Franco se lucre co botín dun roubo -tal faría se por exemplo a Xunta mercase os pazos de Meirás e Cornide-, trátase de facer xustiza e devolver o que é seu a aqueles que en puridade deben ser os seus proprietarios, as galegas e os galegos. Que se fagan as mudanzas legais que sexan precisas para que isto sexa posíbel.

Comentarios