Opinión

Falar

[Xesús M. Piñeiro]

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, reuniuse oficialmente esta sexta feira coa líder da oposición, Ana Pontón, e co portavoz da outra forza con representación parlamentar, Gonzalo Caballero. Uns encontros que chegan cando se fai un ano dunha pandemia con graves consecuencias a todos os niveis: sanitario, económico, social...

Que sexa noticia o que debería ser práctica de normalidade nunha democracia parlamentar, a xuntanza entre xefe do Executivo e da oposición, indica até que punto desde o Goberno galego se optou durante demasiado tempo por evitar calquera mínimo espazo de encontro coa oposición.

Agora, esta primeria reunión debería de dar paso a unha axenda de contactos e interlocución para abordar as cuestións claves que Galiza ten sobre a mesa, que non son poucas. Ademais, o Goberno galego debería tamén probar a se abrir a un diálogo para con ese tecido social e cidadán existente na Galiza, desde a defensa da sanidade pública até a defensa da lingua ou do territorio fronte a eólicos e megaminería; co que mantivo botado o fecho.

Comentarios