Opinión

Falar galego en España

[Xoán Costa]

O INE acaba de publicar “Encuesta de Características Esenciales de la Población y las Viviendas. Año 2021”. Un dos datos que se desprende é  que hai 28 municipios españois con máis de 50.000 habitantes nos que o 1% da poboación, polo menos, fala galego, sendo Ponferrada a de maior porcentaxe (máis do 8%) e Madrid (case 40.000 persoas) a de maior número.

O inquérito móstranos onde se sitúa a maior parte da emigración galega no Estado, como o seu lugar de residencia nas grandes cidades como Madrid ou Barcelona se sitúa na área metropolitana, e as posíbeis ocupacións, mais, do ponto de vista lingüístico, ten pouca relevancia pois falar unha lingua, neste caso galego, requere algo máis que ter o coñecemento suficiente para utilizala e precisa, sobre todo, dun contexto con interlocutores posíbeis.

E ese contexto, cada vez máis reducido na Galiza, é inexistente nos lugares sinalados polo INE. Que se fale galego en Móstoles non mostra o vigor da nosa lingua; amosa a vixencia das políticas que seguen facendo da Galiza unha exportadora de bens e de persoas.

Comentarios