Opinión

Falar da Galiza, cando?

[Alberte Mera]

Parece unha norma non escrita que as eleccións galegas teñan que coincidir con outros comicios. Nas últimas votacións ao Parlamento da Galiza a axenda volveuna marcar o lehendakari. “A data das vascas tivo un peso fundamental na decisión”, dixo Feixoo en febreiro de 2020 cando anunciou que adiantaba as urnas para o 5 de abril dese ano -que logo houbo que adiar para xuño por mor da grave incidencia da pandemia naquela altura a pesar de que en xuño houbo galegas e galegos que por estaren confinados non puideron votar-.

Agora que se coñece a data dos comicios ao Parlamento Europeo, 9 de xuño de 2024, e Urkullu estaría a valorar facer coincidir a data coas eleccións vascas, o presidente galego abriu tamén a porta a adiantalas para ese 9 de xuño -se antes non as sitúa coas eleccións estatais de finais deste ano-.  Nos últimos meses asistimos a comicios adiantados en Madrid (2021) e Castela e León (2022) obedecendo a unha aritmética do PP. Porén, votaron sen coincidencia con outros comicios.

Parece que tal exemplo non gusta no PP galego, que leva os últimos anos cadrando os comicios galegos con outros. Así vemos que na campaña se fala de todo menos das problemáticas e os retos de futuro para Galiza. Vémolo agora, nunhas municipais en que o PP se centra en "derrogar o Sanchismo" e o Goberno estatal en anunciar novas medidas a diario que non teñen a ver coas municipais. 

Comentarios