Opinión

Exemplos centralistas

Vimos de coñecer a intención do Goberno español de permitir, a partir do próximo domingo, a mobilidade entre comunidades autónomas que se atopen na fase 3 do desconfinamento. Unha persoa que vive na Estrada aínda non pode desprazarse até Compostela sen contar cunha causa debidamente xustificada e só poderá facelo cando, poñamos por caso, unha persoa de Almería entre na Galiza (se ambos os territorios comparten fase 3). É o que ten o centralismo do Estado español, que non quere saber de características propias das nacións que forman parte del.

Outro exemplo é o dos trens. A Galiza sufriu unha redución drástica no servizo e, de momento e a pesar de estar na fase 2, continúa baixo mínimos. Iso si, Renfe comunicaba no día de onte ás viaxeiras e viaxeiros galegos que a partir de agora "os servizos de proximidade préstanse coa súa actividade habitual". A quen ían referirse? A España, porque aquí seguimos carecendo da tan necesaria rede de proximidade que nos comunique en chave de axilidade, comodidade e a prezos accesíbeis. Os camiños de ferro están. Falta vontade por parte do Executivo estatal e do galego.

Comentarios