Opinión

A eólica mariña e o veto á pesca

[Alberte Mera]

Se a Unión Europea acordou a 9 de outubro o veto á frota galega a 87 zonas de pesca do Atlántico norte, entre Irlanda e o golfo de Cádiz, onte decidiu que os mariñeiros non poderán capturar máis de 5% da cantidade de xurelo que pescaron neste ano. Nestes tempos de Qatargate e de corrupción no seo da Eurocámara, a Unión Europea debería aclarar as sospeitas e acusacións manifestadas desde os colectivos ecoloxistas e desde analistas da economía que apuntan a que, detrás dos vetos á pesca por Bruxelas, está o interese de deixar vía libre a multinacionais enerxéticas para obteren licenzas para a construción de aeroxeradores de eólica mariña.

Como informa hoxe este xornal que vostede está a ler, a multinacional con sede en Madrid Ferrovial presentou onte o segundo proxecto de parque de eólica mariña nas Rías Baixas, Celta II, ao carón do Volanteiro, outro parque proxectado nas augas do sur da Galiza e que neste caso impulsa Capital Energy. Que casualidade, non?

Radicalízanse os vetos á pesca no momento en que as grandes empresas enerxéticas presentan os seus plans para erguer aeroxeradores sobre o mar. Mais o mar non todo o atura. Deixará outra vez a Xunta e o Estado español que este país sexa tratado como unha colonia que produce enerxía para beneficio doutros territorios sen aínda por riba redundar nun peso no pobo?

Comentarios