Opinión

Enxeñaría contábel

[María Obelleiro]

Sorprende que oito meses após a declaración da emerxencia sanitaria sigamos asistindo a un festival de cifras incompletas que nos debuxan un panorama de medias verdades. Cada vez que a Consellaría de Sanidade advirte dun descenso no número de novos casos de Covid-19 na Galiza, debemos comprobar o número de PCR realizadas, pois unha caída adoita vir da man da outra. Un feito que evidencian os datos que presentamos hoxe: diminúen os novos casos a 444 á vez que as PCR realizadas baixan en 1.300 a respecto do día anterior. Se a ocultación e falta de transparencia caracterizaban os números transmitidos pola Xunta da Galiza até hai uns meses -aínda faltan os datos por concellos, que o Goberno de Feixoo se nega a dar-, os exercicios de enxeñaría contábel son a máxima agora.

E por aquí se agochan os porqués do “milagre” en Madrid, un dos territorios do Estado español coas medidas de restricións máis brandas e onde Ayuso, parceira de Feixoo, transmite unha caída da incidencia que non casa nin cos datos de ingreso nas UCI nin cos de persoas falecidas. Sexamos ben pensadas e fiemos todo á lentitude da evolución da enfermidade.

Comentarios