domingo 28/02/21

Endesa e unhas poucas voces

[Xesús M. Piñeiro]

Endesa consuma a súa decisión de fechar a térmica das Pontes, anunciada en decembro de 2019. Desde entón, nin a Xunta nin o Goberno español trazaron ningún plan industrial alternativo para o concello nin para a comarca, pese a ser un dos requirimentos que pon Bruxelas para optar ás axudas do Fondo de Transición.
Porén, as voces que advertían da necesidade de se preparar para o necesario fin de ciclo das térmicas e que avogaban por camiñar cara a outros modelos enerxéticos de produción xa existían antes dese 2019. Non eran maioritarias e moitas veces resultaban incómodas, mais situaban no escenario un debate para o que moitos non estaban, ou non estabamos, preparados.

Endesa fechará a central das Pontes após certificar que non é viábel o uso de biocombustíbeis. Un ‘mazazo’ económico e laboral para toda unha comarca e que é precisamente ‘mazazo’ porque non se aproveitaron estes anos para deseñar alternativas laborais, sociais e económicas. Un grave erro que imos pagar caro. E non será porque non nolo advertiron.

comentarios