Opinión

Ence fóra da ría

Ducias de milleiros de persoas nadas en Pontevedra ou nos concellos limítrofes non pasaron nin un día da súa vida sen soportaren as consecuencias da contaminación -con emisións ao aire e con verteduras á ría- da coñecida como Celulosas. Cheiros e fumes que saen dunha empresa que non quere marchar de Lourizán nin quere que se devolva a parcela ao espazo marítimo-terrestre privatizado durante a ditadura.

O Goberno central abriu a porta á anulación da prórroga que Raxoi, como presidente en funcións, outorgou a Ence até 2073. Unha empresa cuxo Consello de Administración ten vínculos co Partido Popular e cuxa sede está en Madrid e, por tanto, liquida o imposto de sociedades na capital do Estado. Non estraña, por tanto, que Feixoo, no canto de se posicionar do lado da inmensa maioría do pobo, volva exercer de portavoz da empresa e volva defender os seus intereses, que tamén pasan polo monucultivo de eucalipto.

Non por acaso Galiza está ateigada de eucalipto, especialmente nas zonas próximas ao litoral. Das 1.400.000 hectáreas de eucalipto plantadas na península, case 400.000 están na Galiza. De feito, é o primeiro produtor de eucalipto do Estao e o segundo tras Australia. A Xunta continúa sen ordenar o monte e sen impulsar a súa multifuncionalidade. Son as galegas e galegos quen loitan contra a praga a través das iniciativas de deseucaliptización por todo o país.

Comentarios