Opinión

Emigrar, un pracer?

[Alberte Mera]

Atribuíu onte a Xunta da Galiza a saída da mocidade galega do seu propio país á existencia dun mercado laboral dinámico. Nesta concepción individualista do mundo que cada día se estende en toda parte, en que cada quen debe buscar unha carreira de éxito e a realización do sono europeo -quizais máis liberal aínda que o americano- coa felicidade e autorrealización persoal tomadas como meta sempre alleas á comunidade e a sociedade, emigrar é pois unha aventura.

No liberalismo exacerbado emigrar é unha oportunidade de medrar laboral e persoalmente, por dentro e por fóra, emigre eu, emigre vostede, emigremos como galegos! Que marabilloso slogan para a próxima campaña da Consellaría de Emprego.

Mais o certo, é que alén das persoas que marchan da Galiza para traballar por vontade propia, podendo facelo na terra, a realidade desmente os slogans da Xunta. Os últimos datos sobre a emigración na Galiza amosan que máis de 16.000 persoas deixaron este país con destino a distintos territorios do Estado español; e que 7.708 galegas e galegos colleron as maletas para emprender proxectos de vida noutros Estados.

A directora xeral de Formación e Colocación do Goberno galego debería coñecer máis o drama humano e deste país que hai detrás da emigración para diferenciar un éxodo dun mercado laboral dinámico.

Comentarios