Opinión

Electricidade

[Xoán Colazo]

A enerxía é piar básico sobre o que se constrúe calquera sociedade: produción, distribución e consumo determinan o nivel económico e benestar. De entre as fontes de enerxía a eléctrica ten unha incidencia decisiva nas persoas e no tecido produtivo. A realidade galega neste eido é indignante: prezos exorbitantes para os consumidores, beneficios caídos do ceo para as eléctricas, prácticas empresariais raiando no delito ecolóxico, efectos negativos sociais e ambientais para Galiza e expatriación dos beneficios por empresas foráneas, privatización dun ben básico, sobreprodución para consumo alleo...

Todo isto non é nin conxuntural nin casual; é froito dunhas políticas do Estado -coa complicidade autonómica- que leva décadas primando o beneficio privado das eléctricas sobre o interese do pobo. É vital para Galiza reverter esta degradación. O nacionalismo sindical e político ten enunciado o camiño: nacionalización en clave galega da enerxía, tarifa propia, produción e consumo descentralizados, respecto ambiental.

Comentarios