Opinión

Galiza ten bandeira

[Xoán Costa]

En abril de 1822 a Universidade homenaxea os 1.300 mozos que formaron o Batallón Literario.  Portaban unha bandeira que os identificaba como provenientes do Reino da Galiza. A bandeira do Batallón “que xamais foi rendida” é identificada nesa homenaxe como bandeira de todos os galegos, pois galegos eran todos os mortos. Aquel acto de 26 abril de 1822, ao que “corren os gratos galegos a se prostrar ante a bandeira” nunha praza que o Concello de Santiago acorda consagrar a perpetuidade á memoria do Batallón, foi unha cerimonia de adhesión á bandeira que efectuou toda a comunidade co obxecto de “ver restituída á súa nai, a Universidade, a bandeira”. Unha bandeira  “de seda branca con cenefa azul” honrada en máis dunha ocasión ao longo do século XIX, e orixe da actual bandeira da Galiza.

Mañá, 25 de xullo, o ceo de Compostela vai ser atravesado por unha escuadra de avións que o tinxirán de vermello e amarelo. As cores do ocaso, do solpor. Fume que se esvae. Mais a bandeira “de seda branca con cenefa azul” estará nas rúas. Niso consiste o Día da Patria.

Comentarios