Opinión

#EditorialSermos363: Volver empezar

Inicio na Galiza dunha nova volta ás aulas e sobre a mesa, máis unha vez, sen solucionar as problemáticas que durante estes anos sofre o ensino público galego, froito dunhas políticas concretas. A comunidade escolar (profesorado, familias, alumnado) denuncia, curso tras curso, que a Xunta é responsábel: da falla de docentes, da perda de dereitos destas traballadoras, do fechamento de colexios e aulas, de incentivar a privada, de fixar uns itinerarios educativos nos que o galego se reduce cada vez máis e que permiten que, en pleno século XXI, unha moza que queira estudar robótica en Bacharelato teña que escoller tamén Relixión.

Fallan medios no ensino público galego porque falla a vontade do goberno de establecelos. Mentres, 30% dos 196. 900 escolares de Infantil, Primaria e Educación Especial que este 11 de setembro iniciaron o curso escolar faino na privada, concertada ou non. “Inmobilismo absoluto”, cualifican a posición da Consellaría de Educación desde os sindicatos e Anpas cando se lle pide que mude as súas políticas cara a un maior compromiso co ensino público. Un inmobilismo nas políticas que se traduce no deterioro do ensino público galego, aquel que a Xunta, por lei, por responsabilidade e por un mínimo sentido de país, debería defender. 

Comentarios