Opinión

Editorial #Sermos375: Un novo status político

A constitución española, nada dun pacto entre o franquismo, o exército e a esquerda española, non serve para resolver os problemas máis urxentes da Galiza. Evidenciouse nos últimos anos a necesidade de contar cun novo marco político e institucional que rache co centralismo do Estado español e que recoñeza o status de Galiza como nación que é. O modelo cada vez máis españolizador do Estado prexudica gravemente Galiza e a constitución nega os seus dereitos nacionais e sociais.

O centralismo equivale a desigualdade. Exemplos sobran: o financiamento autonómico afóganos, cando o saldo debería ser positivo; as autoestradas seguen a xestionarse desde Madrid e resultan unha estafa; a enerxía continúa a espoliarse sen que revertan aquí os grandes beneficios; a seguridade marítima segue en Madrid e mantennos indefensas ante cada barco cargado con mercadorías perigosas que pasa perante as nosas costas ou que fondea nas nosas rías... E que hai das pensións e dos salarios? Atópanse entre os máis baixos. E a electricidade e os combustíbeis, entre os máis caros.

Non cabe unha reforma democrática do Estado se non se basea no recoñecemento da plurinacionalidade. A solución a todas as inxustizas que se cometen coa Galiza non van vir de máis centralismo, senón de ferramentas que melloren a vida das persoas e que permitan que o país avance.

Comentarios