Opinión

Editorial #Sermos372: Galiza e o novo Goberno español

Despois de meses sen chegar a un acordo e de convocar a cidadanía, máis unha vez, ás urnas, a PSOE e a Unidas Podemos bastáronlle nesta ocasión menos de 48 horas para limaren asperezas e chegaren a un primeiro pacto de Goberno.

É unha boa noticia, por suposto, a posibilidade de conformación dun Goberno progresista mais o realmente importante sería que as deputadas e deputados galegos nas próximas Cortes, no canto de defenderen os intereses dos seus respectivos partidos, teñan en conta a Galiza e as súas necesidades máis urxentes, con compromisos fechados nos orzamentos xerais do Estado de 2020.

As cuestións sociais deben tamén estar presentes no acordo de Goberno, para frear o discurso do ultraespañolismo e máis aínda cando empeza a coller forma a posibilidade dunha nova recesión, que chegaría cando os efectos da anterior continúan vivos en amplas capas sociais, sen esquecer que a nova lexislatura se presenta como chave para o debate territorial no Estado español e nese debate Galiza debe actuar con criterio e voz de seu. Unha mostra desa voz propia sería que as e os representantes eleitos por Galiza teñan como tarefa para o novo Goberno o cumprimento dunha axenda galega. 

Comentarios