Opinión

Editorial #Sermos369: Nada á industria

T odo ao Xacobeo e nada á industria. Así poderían resumirse as medidas anunciadas que contempla o proxecto de orzamentos da Xunta para 2020. Un total de 6.000 postos de traballo perigan no sector industrial e o Goberno galego non deu conta de proposta ningunha para afronta esta crise. Situar Galiza á vangarda en I+D+i e na transición ecolóxica só é para Feixoo unha prioridade verbal mais non orzamental, malia coñecer que a industria é un dos alicerces da economía galega, unha pedra angular fonte de riqueza.

En lugar de ser apoiada e planificada, a industria asentada na Galiza vive no desamparo e o futuro non semella mellor debido ás limitacións impostas desde Madrid e Bruxelas e ao desleixo de Feixoo. Nesa liña, o PP torpedeou a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola CIG para reverter á xestión pública os aproveitamentos hidráulicos e para revisar as concesións dos ríos. Unha ILP encamiñada a que a enerxía, como servizo público que é, se puxese ao servizo do desenvolvemento industrial, co fin de favorecer a creación de emprego e o benestar social. O PP voltou a atreverse a dicir que non, precisamente no mes en que as eléctricas comezan a aplicar nas facturas o “suplemento territorial”. O resultado: seguimos sendo exportadoras de enerxía e pagamos (aínda) máis!

Comentarios