Opinión

Editorial #Sermos367: Galiza produce e Madrid consome

Novos datos alertan da desertización industrial da Galiza. Nunha década caeu en 20.000 o número de persoas empregadas na industria e a produción neste sector diminuíu en setembro un 6%, con 9 meses de descensos no derradeiro ano. Alcoa, Ferroatlántica, Poligal, Meirama… son algúns exemplos dos estragos que provoca a incapacidade do Goberno galego para reverter a situación.

O contexto non convida ao optimismo e as políticas neoliberais agravan a situación: Endesa acelera o feche da central das Pontes. Da transición enerxética nada se sabe, co cal, os postos de traballo fican no ar. Hai quen pode sacar tallada do feche da instalación. Empresas que non pagan os seus impostos na Galiza –como agora acontece con Endesa– van mover ficha para producir enerxía a conta dos recursos galegos. E mentres seguimos a padecer unha das facturas eléctricas máis gravosas do Estado.

A tarifa eléctrica galega debería ser tema central da axenda electoral. Euskadi, grazas á negociación das parlamentares vascas no Congreso, logrou unha tarifa propia para a súa industria. As deputadas galegas obviárona para Galiza. Mais nunha nación exportadora de enerxía non só o sector industrial debe ser obxecto de tarifa propia; tamén o consumo doméstico debe ter un tratamento diferenciado para evitar que 190.000 persoas, 7,5% da poboación, padeza pobreza enerxética.

Comentarios