Opinión

#Sermos337: Por todas, en folga

Polas que sofren agresións, polas que son insultadas, acosadas, explotadas, cuestionadas. Polas que fican sen voz. Polas que teñen medo. Polas que son asasinadas polo feito de seren mulleres. Todas elas son a razón de ser da folga do 8 de marzo, unha xornada de loita para denunciar non só a discriminación e a desigualdade, tamén a hipocrisía do poder político, que reduce aos lazos na lapela e aos minutos de silencio a problemática estrutural que padecen as mulleres.

Duplas e triplas xornadas laborais levan á imposibilidade da tan necesaria conciliación –que segue a ser unha utopía– e fan recaer sobre elas a redución horaria e, por extensión, de salario. E aínda seguen a ser despedidas por seren nais. Contratos a tempo parcial, fenda salarial e chan pegañento son a faciana dunha precariedade que máis tarde implicará unhas pensións miserentas.

A soberanía sobre os corpos e identidades, sobre os desexos, sobre a vida, soberanía alimentar e soberanía política para Galiza son reivindicacións do feminismo galego, que apela á necesidade urxente do cambio social. Desde estas páxinas seguiremos a practicar un xornalismo comprometido co feminismo para rompermos as cadeas dun sistema patriarcal que oprime as mulleres, duplamente discriminadas no noso país pola súa condición de mulleres e de galegas.

Comentarios