Opinión

Editorial #Sermos366: E agora que?

Endesa comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que aceleraba o feche da súa central nas Pontes, que agora vai ser moito antes do que se estimaba –non antes de 2030–. A empresa, que nestes anos amasou inxentes beneficios coa central térmica, non mantivo nestes meses reunións co persoal para adiantar ou informar desta decisión, embora as solicitudes nese sentido. ‘Acelerar’ o proceso de feche significa dar apenas marxe de manobra para unha transición enerxética para esa industria nas Pontes que permita manter emprego. De aí a preocupación e o temor da veciñanza da comarca por un futuro que se presenta negro. As responsabilidades non se limitan á empresa, como sinalan desde o propio ‘comité de crise’: Gobernos estatal e galego tamén as teñen. Desde a representación das traballadoras e traballadores da industria enerxética na Galiza levan tempo demandando das administracións políticas concretas, plans e compromisos para evitar a “desertización industrial” do país. Unhas demandas sen resposta. Alcoa, Ferroatlántica, As Pontes, Meirama… son nomes que concretizan o que os 25 alcaldes e alcaldesas de localidades afectadas pola crise industrial chamaron un “berro de auxilio”. E a pregunta, dirixida aos Gobernos galego e estatal é, “e agora que?”. Agardan pola resposta.

Comentarios