Opinión

Un presidente a tempo parcial

[María Obelleiro]

Como estaba previsto, Feixoo elixiu abandonar a Galiza e optou por presidir o PP a nivel estatal. Mais non a abandona fisicamente, cando menos de momento. Aínda que no seu discurso diante da Xunta Directiva dos populares galegos non fixo alusión a cando dimitirá como xefe do Executivo, durante a mañá puxo de manifesto que é "compatíbel" estar á fronte da Xunta e do PP e salientou que non prevé deixar a Galiza "nun mes", co cal, teremos un presidente a tempo parcial, cando máis se precisa un liderado que mire polo país e que tire dos sectores produtivos e dos servizos públicos ante a crise que sufrimos.

O discurso, retransmitido en directo pola TVG, a modo de órgano de propaganda do Partido Popular -lembremos que era un acto de partido-, pronunciouno en chave ideolóxica e madrileña. Un Feixoo en chave doutrinaria afirmou que busca "derrotar o multipartito socialista, comunista e nacionalista" e apostou por unha "España unida". O aínda presidente da Xunta optou polo español como idioma vehicular da súa intervención, deixándolle ao galego un papel meramente testemuñal. Como testemuñal vai ser para el, a partir de agora -e aínda máis do que xa era-, a defensa das galegas e galegos. Xa xogara a ser delegado do Goberno español e azoute de Pedro Sánchez. Agora verémolo como xefe da oposición en España.

Comentarios