Opinión

E van 174...

Onte decorreu o 'Venres Negro' número 174, esa xornada de denuncia de manipulación e censura na CRTVG que o movemento 'Defende a Galega' leva impulsando desde hai máis de 3 anos. 

Cada vez menos pluralidade, menos produción propia, menos información local e menos calidade, denuncian. Ao tempo, critican, aumentan as subcontratas, o desmantelemento e o 'control' informativo. 

A todo isto engádese agora a denuncia feita por 'SOS Ficción galega': Consideran que a TVG 'maltrata' a ficción en galego coa estrea este domingo da segunda tempada de "A lei de Santos" a partir das 23:15 horas. "A única serie producida este ano reservada a un pésimo horario que dará malos niveis de audiencia e pode significar a escusa perfecta para que deixen de producir ficción en galego", sinalan.

A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade da Galiza forman parte do ADN da radio e da televisión públicas, mais non sempre se aplica. Igual que o rigor e o pluralismo, non tan presentes nun medio público como debería.

Comentarios