Opinión

Durante a tormenta

[Alberte Mera]

Collendo prestado o título do filme de Oriol Paulo, é durante a tormenta cando a cúspide social se aproveita do descontrol para aumentar os seus beneficios a custa da larga base que sustenta a pirámide na que se asenta o seu alto posto privilexiado. É durante a tormenta inflacionista -durante esta nova crise do capitalismo e non só neste temporal en que estamos a atravesar neves, sarabia, ventos e choivas- que os oligopolios enerxéticos e a gran banca están a ver aumentados os seus lucros. 

A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, asegurou onte que a inflación na eurozona segue sendo demasiado alta e dixo que a misión do banco central pasa por evitar o desanclaxe das expectativas inflacionistas. A súa receita vímola coñecendo estes meses: subas consecutivas dos tipos de xuro que provocan o aumento das taxas dos préstamos -a hipoteca media encareceu uns 3.000 euros anuais en 2022-.

Isto sega a emancipación da mocidade, incrementa o custo da vivenda e dificulta o acceso ao financiamento de profesionais por conta propia e de pemes. O Euríbor comezou a subir en abril e desde entón marcou récord tras récord -en 2021 rematou a -0,502% e en 2022 finalizou a 3,018%-. Gañan os oligopolios e a banca, perden as maiorías sociais. A tormenta, un negocio redondo para uns poucos.

Comentarios