Opinión

A dupla cara do PP coas peaxes

[María Obelleiro]

Nos últimos días, volveu pórse de actualidade o incremento inconcibíbel do prezo das portaxes nos viarios de pagamento que atravesan a Galiza, nomeadamente no caso da AP-9, cuxo custo encarecerá un 9%, e da AP-53, cuxo tramo entre Silleda e Compostela é a estas alturas o máis gravoso a nivel galego e o segundo a nivel estatal. O Partido Popular vén de promover a aprobación no Congreso, cos votos dos seus aliados de Vox e Ciudadanos, dunha proposición non de lei para esixir ao Goberno de Sánchez a conxelación das peaxes. Resulta curiosa a iniciativa dos populares cando, desde o Executivo estatal, no ano 2000 prorrogaron a concesión da AP-9 até 2048, impedindo así a caducidade en 2023.

A ampliación da concesión polo equipo de Aznar non foi a única. Anteriormente, en 1994, fixérao o PSOE, con Felipe González. Desde 1979, a AP-9 xerou aos seus propietarios beneficios por máis de 930 millóns. A concesionaria da autoestrada, participada por fondos de capital estranxeiro, espera uns beneficios de máis de 9.500 millóns até 2048. E, mentres, a transferencia da AP-9 á Galiza segue a ser unha materia pendente, ao igual que a súa reversión ao público e que a súa gratuidade.

Comentarios