Opinión

Do 'Santa Isabel' ao 'Vila de Pitanxo'

[María Obelleiro]

Nós Diario dedica hoxe a entrega da publicación do coleccionábel sobre naufraxios ao Santa Isabel, un dos afundimentos en augas galegas máis lembrados e que supuxo a maior traxedia marítima civil da Galiza no século XX. Un capítulo que con tanta exactitude e detalles narra para este xornal Fernando Patricio Cortizo, unha das meirandes voces autorizadas sobre naufraxios, que, infelizmente, terá que engadir á calamitosa listaxe un outro afundimento que tingue de negro a actividade marítimo-pesqueira galega, a do barco con base en Marín Vila de Pitanxo, en Terranova, con 24 persoas á bordo das que só sobreviviron tres.

O de onte foi un dos naufraxios máis graves das últimas décadas. Cando acontece unha desgraza de tal magnitude adóitase valorizar o traballo das xentes do mar e só entón, en xeral, tomamos consciencia da importancia do sector marítimo-pesqueiro, malia aínda non ser considerada a Galiza territorio altamente dependente da pesca. Somos unha das áreas da Unión Europea con maior sinistralidade nesta actividade económica. Unha realidade fronte á que nin nós, como pobo, nin as autoridades podemos ficar impasíbeis. Desde aquí todo o apoio e solidariedade ás familias e amizades dos mariñeiros e á veciñanza do Morrazo.

Comentarios