Opinión

A división de poderes no Estado

O mesmo poder xudicial que chamou a declarar Artur Mas no 75 aniversario do fusilamento de Lluis Companys


O mesmo poder xudicial que chamou a declarar Artur Mas no 75 aniversario do fusilamento de Lluis Companys cita agora, en plena campaña electoral, o portavoz nacional e o secretario de Organización do BNG -Xavier Vence e Bieito Lobeira, respectivamente- en relación ao proceso seguido contra Causa Galiza. Fai falta ser moi inxenuo para non ver nisto unha obvia intencionalidade política. Causa abraio e tamén indignación ver como funciona a división de poderes no Estado español e como un tan sensíbel para o funcionamento da democracia como o aparato xudicial se move en función dos intereses das elites políticas dirixentes do Estado.

No fondo, o que está no albo é o nacionalismo, considerado como unha anomalía polos poderes imperantes no réxime de 1978, un réxime que, lampedusianamente baixo outras formas, aspira a perpetuarse após o 20-D. Non é ocioso salientar aquí que nos inquéritos que ciclicamente realiza o CIS se lles pergunta ás cidadás e aos cidadáns que valoren o nacionalismo como un "problema" máis, a carón do paro, a inmigración, a inseguridade...

O que está no albo é o nacionalismo, considerado como unha anomalía polos poderes imperantes no réxime de 1978

Se imos ao concreto, a citación de dirixentes do BNG, embora sexa na calidade de testemuñas, nun proceso formalmente antiterrorista que instrúe a Audiencia Nacional non deixa de ser un despropósito. Ten todo o aspecto de ser un desquite deste órgao xurisdicional pola posición mantida polo BNG perante a ilegalización de facto de Causa Galiza, considerada pola fronte nacionalista como un "ataque aos dereitos democráticos". Mais nun Estado democrático non se debería poder perseguir a ninguén por facer política e por facela, como no caso do BNG, desde conviccións inequivocamente pacifistas.

As liberdades públicas sofren con situacións deste tipo. Con demasiada frecuencia o combate contra o terrorismo, e estámolo a ver tamén no debate arredor do jihadismo, é utilizado polas elites como coartada para atentar contra os dereitos fundamentais das persoas e dos colectivos.

Comentarios