Opinión

Día dos Medios en Galego

[María Obelleiro]

Hoxe conmemórase o Día dos Medios en Galego. A data marcada de maneira institucional coincide coa saída do primeiro número d'O Tío Marcos da Portela, o 7 de febreiro de 1876, considerada, durante anos, a primeira publicación en lingua galega. Mais, como ten exposto Xoán Costa, investigador da prensa histórica galega, anos antes, en 1840 saíra do prelo O Seor Pedro.

Sexa como for, é hoxe un día de celebración para as cabeceiras que, desde a Asociación de Medios en Galego, facemos bandeira do noso idioma e da Galiza. Tamén é un día de celebración para todas e todos vós, lectoras e lectores, subscritoras e subscritores, colaboradoras e colaboradores e anunciantes, que facedes posíbel que ler un diario en papel, en galego, sexa unha realidade.

Reivindicámonos, cada día, mais especialmente hoxe, diante da exclusión á que o Goberno galego somete Nós Diario, negándolle as axudas á prensa escrita ás que debería ter dereito ao cumprir co prego de condicións da convocatoria. Reivindicámonos, cada día, como parte dese colectivo de cabeceiras que empregan a lingua propia como fío para tecer as noticias. E digo cada día, pois nós non reducimos o uso do idioma, na capa ou nas páxinas da sección cultural, ou dalgún suplemento, ao Día das Letras Galegas. Nós, en galego os 365 días do ano. Axudádenos a sumar máis mans para poder seguir sendo e estando!

Comentarios