Opinión

O día, o ano, a vida de Manuel María

Este 2016 as Letras Galegas celebran algo máis que un poeta. Celebran unha lingua e unha cultura. Celebran un home de mil facianas, rostos que tentamos desvendar na entrega 195 do semanario Sermos Galiza. Manuel María merece máis que un día, a súa vida foi unha longa entrega a un país negado e ese país, desde abaixo, desde o tecido asociativo de base, está a festexar agora a súa incomensurábel figura.

Maxia, vídeo-poemas, danza, teatro, photocalls, telexornais elaborados polo alumnado dun instituto, música, desde o folk até o rap. Todas as manifestacións caben para descubrirmos os inumerábeis rostos de Manuel María. O seu legado é dunha enorme vixencia, a paixón por unha lingua e unha cultura, a identificación cunha nación e cos seus dereitos a viver emancipada. Todo isto é o que imos celebrar colectivamente o Día das Letras Galegas.

No máis crú da fosca invernía da ditadura fascista, Manuel María enarborou a causa da poesía en galego e comezou, con Muiñeiro de Brétemas (1950), a tecer unha obra de enorme alento, sempre vinculada á terra e ás súas clases populares. Unha obra sen límites, de grande calidade literaria nas súas maiores cimeiras e de grande compromiso cívico, o que o levou a investigar en distintos xéneros -narrativa, teatro, ensaio- e a non ficar na zona de confort daquilo que o singularizaba como grande poeta nacional que foi.

A súa obra está chea de futuro, porque reborda confianza nas posibilidades de o pobo galego se valer por si propio e de achegar a súa avenza literaria, cultural e lingüística ao patrimonio común da Humanidade

A súa obra está chea de futuro, porque reborda confianza nas posibilidades de o pobo galego se valer por si propio e de achegar a súa avenza literaria, cultural e lingüística ao patrimonio común da Humanidade. Iso é o que nos legou Manuel María e o que o converte sen dúbida nun dos principais vultos da nación galega do século XX, o que o eleva a unha categoría de símbolo que apenas unhas contadas figuras son quen de alcanzar.

Celebremos Manuel e fagámolo ao seu xeito, con humildade, desde abaixo, mais tamén con orgullo de sermos o que somos, galegas e galegos de nación, depositarias dunha lingua e dunha cultura que necesariamente se abrirán paso.

Comentarios