Opinión

Contra os despexos, outra política de vivenda

Xa non están baixo o foco dos meios de comunicación hexemónicos, mais os desafiuzamentos continúan aí. Apenas decrecen e transparentan dous problemas sociais de primeira orde: a non satisfacción dun dereito humano elemental, o da vivenda, e a inadecuación do sistema financeiro ás necesidades básicas das persoas. Segundo os dados que achega a reportaxe deste Sermos210 que asina Cristian López, na Galiza continúan a se producir, como desde o comezo da crise, por volta de seis despexos ao día. Todo indica, pois, que as medidas adoptadas pola Xunta para reducir o número de lanzamentos -apresentadas con considerábeis doses de triunfalismo e propaganda- se teñen revelado como absolutamente insuficientes.

Na Galiza temos un stock de vivendas baleiras -por volta de 300.000- moi por cima da media estatal

Na Galiza temos un stock de vivendas baleiras -por volta de 300.000- moi por cima da media estatal e, portanto, as cifras de despexos son moral e materialmente inaceptábeis. O mercado volta aquí a mostrar que non asigna os recursos en función das necesidades sociais e, portanto, urxe unha política de vivenda pública que garanta os dereitos das persoas e que non se rexa pola lóxica mercantil e a procura do beneficio privado. A política de vivenda da Xunta da Galiza foi ou inexistente ou puramente neoliberal e os resultados están á vista. O 25S é un bon momento para as cidadás e os cidadáns optaren, co seu voto, por modelos ben distintos.

E cómpre tamén unha política pública en materia financeira que teña en consideración os intereses das persoas, e nomeadamente das clases populares, as principais vítimas da crise que vive o capitalismo globalizado desde 2008. Desde unha banda pública si é posíbel financiar a construción de vivendas sociais ou a nacionalización de boa parte das moradas baleiras -e contribuír así a reducir os prezos no mercado- e si é posíbel tamén unha nova política crediticia hipotecaria que, mesmo a través de quitas, antepoña o dereito social á vivenda a criterios puramente economicistas. Todo isto é posíbel e é preciso. Só fai falta vontade política.

Comentarios