Opinión

Desmemoria

[Alberte Mera]

Foi Ánxel Casal un dos imprescindíbeis, que modernizou Galiza impulsando coas súas mans o labor editorial. Sen o seu contributo sería difícil que viran a luz obras fulcrais da literatura galega, de Otero Pedraio a Blanco Amor, Ramón Cabanillas ou Castelao.

Foi en 1924 cando Casal creou na Coruña con Leandro Carré, Lar, a primeira editora galeguista, para logo, en 1927 fundar a editorial Nós. Desta fábrica de letras saíu A Nosa Terra e a revista Nós.

Foi militante do Partido Galeguista, alcalde de Santiago e vicepresidente da Deputación da Coruña e do Comité executivo para o Estatuto da Galiza de 1936, a quen dedicou corpo e alma para que saíse aprobado.

Precisamente, pola súa dedicación, por ser persoa fundamental no espertar do pobo galego, o franquismo puxo fin á súa vida despois de que retornase a Compostela para organizar a resistencia aos golpistas. Nun día como hoxe, 19 de agosto de 1936, apareceu asasinado en Cacheiras, Teo, a mans dos franquistas.

Hai máis de tres anos que o Concello de Santiago aprobou erguer unha efixie para recordar Casal e toda a veciñanza da capital galega que sufriu as represalias do franquismo. Porén, non hai aínda indicios de que se vaia erguer este monumento. Por que? Van 86 anos do seu asasinato, canto máis hai que agardar?

Comentarios