Opinión

Desesperación

[María Obelleiro]

Faltan efectivos na loita contra os incendios. Denúnciano os propios brigadistas e tamén a veciñanza que comproba, impotente, como os recursos non chegan. “Podedes pór claramente a realidade, que a Xunta non ten medios porque aínda non teñen contrato os brigadistas de a pé a estas alturas do verán e a metade dos brigadistas helitransportados aínda están facendo o curso de preparación”, advirten a Nós Diario traballadores das brigadas. “A xente ten que darse de conta de quen ten a responsabilidade total e absoluta de que estea ardendo medio país sen control”, continúan. Salientan que o Goberno galego é claramente responsábel de que os brigadistas “esteamos cos mesmos servizos que no mes de maio, cando agora non chove un carallo”.

Eis unha situación da que vén informando este medio desde que se declararon os primeiros grandes incendios, hai unha semana. Séntense desbordados, con xornadas de 12 horas ás costas, cun bocadillo e con escasos medios humanos para facer fronte ao lume, que en só sete días arrasou a mesma superficie que nos últimos catro anos. Rueda trata de salvar a situación culpando a un contexto meteorolóxico “absolutamente inédito”, como se non fose responsabilidade do Goberno que dirixe a demora inexplicábel na constitución das brigadas municipais.

Comentarios