Opinión

(Des)fragmentación

[Alberte Mera]

Lembrarán as lectoras e os lectores aquela recorrente función de Windows de desfragmentar disco. O desfragmentador ten a función de consolidar e ordenar arquivos no computador e como resultado o acceso aos mesmos é máis rápido e libérase espazo no disco. Sempre que o ordenador se nos saturaba, a recomendación era desfragmentar. Xusto á inversa do que están a facer as grandes enerxéticas co beneplácito do Goberno galego: fragmentar proxectos de grandes parques eólicos, presentándoos como varios parques aparentemente independentes, para así saltar as limitacións legais ao tamaño e potencia do conxunto dos aeroxeradores.

Un exemplo disto atópase no proxecto do parque eólico Bustelo, promovido por Greenalia e ao que a Xunta da Galiza concedeu en 2021 as autorizacións administrativas previa e de construción nun espazo que comprende os municipios de Coristanco e Carballo. Tramitándose estaban daquela e ben perto os parques Campelo e Monte Toural. Unha tríada que o ecoloxismo naquela altura xa denunciara como fragmentación dun megaparque eólico para conseguir o beneplácito legal.

Onte coñeceuse que o TSXG anula a autorización da Xunta da Galiza para a construción de Campelo, cuxas obras xa foran paralizadas cautelarmente en outubro debido á denuncia da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza. Un exemplo de defensa da terra.

Comentarios