Opinión

Derrubamento

Nove días após o derrubamento do viaduto da A-6 que comunica (ou comunicaba) os concellos de Pedrafita do Cebreiro coa berciana Veiga de Valcarce volveu caer outra parte da ponte. E todo, mentres as institucións gardan silencio, así como as empresas que levaron a cabo esta "premiada" construción que apenas durou 20 anos en pé. Mais a pesar dos silencios o xornalismo que este medio practica segue a traballar, cos pés na terra, para dar a coñecer e informar das causas, consecuencias e responsábeis detrás de cuestións como as que veñen de suceder nos lindes co Bierzo por partida dobre.

A semana pasada este xornal informaba de que a Unión Temporal de Empresas, coa construtora FCC á fronte, fíxose coa obra da infraestrutura da A-6 presentando un orzamento 25% inferior ao licitado polo Ministerio. O barato sae caro. Vémolo dobremente estes días. E así, ante os derrubamentos de infraestruturas públicas, do deterioro da prestación sanitaria nos centros públicos do país pola falta de persoal e de medios, pola acumulación de defuncións con Covid na pandemia nas residencias que foron privatizadas... ante todo este derrubamento, é tempo de erguer, de erguer futuro e país, non cren?

Comentarios