Opinión

Derrogar as reformas laborais

[Xesús M. Piñeiro]

Os sindicatos maioritarios na Galiza (CIG) e en Euskal Herria (ELA) e mais a central soberanista catalá (Intersindical-CSC) protagonizaron onte unha concentración en Madrid, ante a sede do Ministerio de Traballo, para demandar a derrogación das reformas laborais. Un paso máis dentro da coordinación que manteñen o sindicalismo galego, vasco e catalán desde hai meses, facendo fronte común para reclamar a derrogación das reformas laborais e de pensións, a recuperación dos dereitos "arrebatados" na crise e a fin da "centralización" en lexislación laboral e negociación colectiva. 

O sindicalismo galego, vasco e catalán non só acudiu a Madrid para reclamar a derrogación das mencionadas reformas. Pediron a fin da centralización da negociación colectiva , un sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e salarios e condicións laborais dignas. 

Son, pois, as organizacións da 'periferia' -da Galiza, Euskal Herria e Catalunya- as que están dando a batalla por unha demanda amplamente partillada pola clase traballadora en todo o Estado e que segue sen recibir resposta por parte do Goberno español. Deberían telo en conta as voces que acusan os soberanismos de ser antagónicos da clase traballadora.

Comentarios