Opinión

Demanda

Centos de delegados e delegadas da CIG participaron onte nunha acción simbólica pola cal, e a través de marchas representativas das comarcas saíndo de varios puntos da capital galega para confluír en San Caetano, sede central da Xunta, procedeuse a rodear o edificio. O acto pretendía evidenciar e visualizar a situación de crise económica e social que azouta non poucas comarcas galegas, ao tempo que se demandaba un Plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos. O primeiro sindicato da Galiza sinalaba o Goberno galego como corresponsábel da situación actual do país, driblando así o discurso feixoniano de que o que vai mal é culpa de todos –Executivo estatal, oposición,…- agás del. 'Cercouse' San Caetano para pór sobre a mesa que as problemáticas actuais –a crise económica, social e demográfica; aumento da emigración; a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados ás persoas– ten responsábeis e que xa é hora de adoptar políticas que as revertan. Unha demanda esta, a de políticas públicas para saírmos da crise, que o Goberno galego erraría se cre que é unha simple protesta sindical máis, sen maior percorrido.

Comentarios