Opinión

Delitos e pecados

[Xoán Costa]

O Papa Francisco falou: a homosexualidade non é delito, mais é pecado. Dous planos ben diferentes, dunha parte o das normas que marcan os Estados para regulamentar os dereitos civís e da outra o da transgresión da lei divina, o pecado. 

Se temos en conta o Inquérito internacional sobre orientación sexual, con datos de 2021, no Estado español o 10% das persoas entrevistadas sinala sentir atracción sexual por persoas do mesmo ou de ambos sexos, lonxe do 16% de Bélxica e só por enriba de Italia e Polonia co 9%.

Ora ben, para onde van as palabras do Papa? Non parece que vaian para aqueles territorios do planeta en que a lei de Deus e a do Estado son converxentes e hai persoas punidas, mesmo coa morte, polo dobre motivo de a homosexualidade ser pecado e ser ilegal.

Non, apontan para aqueles bispos que, di o Papa, precisan un proceso de conversión nun contexto social en que o discurso homófobo se incrementa constantemente. Porque o pecado da homosexualidade, tamén pode ser mortal, e non só para a alma.

Comentarios