Opinión

Deixar pasar o tempo...

[María Obelleiro]

En máis dunha ocasión aludimos nesta columna ao laissez faire-lais-sez passer para nos referir ao presidente da Xunta, a quen lle acae ben a expresión, que podería considerarse unha das pedras angulares do liberalismo. Onte volveu practicar o desleixo con Alcoa.

Non lle quedou outra que, en sede parlamentaria, pronunciarse ao respecto da intervención da factoría de Cervo. Vea, dixo, como última opción. Estamos no tempo de desconto e Feixoo permanece de brazos cruzados malia saber que o despido de máis de 500 traballadores (os directos, pois os indirectos chegarán até os mil) está próximo a executarse.

Cada día que pasa é unha oportunidade perdida para salvar toda unha comarca. Galiza vai camiño de se converter nun ermo industrial e observamos, con desesperación, como quen ten competencias na materia, que é a Xunta, opta por inhibirse e por deixar que outros fagan. Do Goberno español non chega concreción ningunha e, ante a evidencia de que Alcoa non quere vender para non ter aquí un competidor, semella que só pasa o tempo. A nacionalización é posíbel. É unha cuestión de vontade.

Comentarios