Opinión

O decreto da vergoña

[María Obelleiro]

Vimos de coñecer máis un estudo, da Real Academia Galega, que evidencia os efectos prexudiciais do decreto 120/2010, o do plurilingüismo, para o galego. Foi unha das primeiras normativas aprobadas por aquel estreado Goberno de Alberto Núñez Feixoo do que facía parte o actual xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, quen naquela altura manifestábase contra o idioma propio da Galiza da man dos sectores máis reaccionarios, agrupados en ‘Galicia Bilingüe’.

No comunicado enviado aos medios, a RAG pon o albo nas dinámicas de desgaleguización que se producen nas actividades extraescolares, de conciliación e deportivas. Analizándomos o informe, podemos comprobar a perda de peso da familia na aprendizaxe do galego e o papel da escola como factor galeguizador, o que mostra que o ámbito educativo é a máis importante vía de aprendizaxe do idioma propio. Á vez, constátase a incidencia que comporta a lexislación en materia lingüística no uso do galego. Así, móstrase que o decreto do bipartito disparou o uso da lingua nos diferentes ámbitos, algo que contrasta co decreto do plurilingüismo, que provocou, e así o recollen os datos, unha importante caída nos usos do galego en todos os ámbitos estudados.

O da Xunta non pode chamarse nin desleixo. É unha política que atenta directamente contra a lingua propia.

Comentarios