Opinión

Débeda millonaria coa Galiza

[Alberte Mera]

Como en cada último trimestre do ano, chega outra vez o debate orzamentario. Os Gobernos das distintas Administracións anuncian investimentos, a oposición emenda e nós, as e os xornalistas, traballamos analizando as distintas partidas para achegar á sociedade as contas reais, lonxe do envoltorio de anuncios e propaganda que habitualmente as envolven. Ora ben, non só abonda con separar propaganda de datos e verificar os compromisos anunciados, cómpre tamén fiscalizar que o prometido sexa levado a práctica.

E aquí saen as contas claras que hoxe lle achega Nós Diario e que reflicten como a Galiza é relegada polo Estado español ano tras ano nos seus investimentos públicos: O Estado deixou sen investir na Galiza 2.823 millóns orzados entre os anos 2015 e 2021. Máis de 2,8 miles de millóns de cartos públicos provenientes dos impostos de todas e todos nós anunciados para a Galiza por presidentes do Goberno español, prometidos por ministros e ministras de Facenda e aprobados polo Congreso das Deputadas e Deputados que nunca chegaron á nosa terra. Promesas que leva o vento, anuncios para sumar apoios electorais que nunca se cumpren. Eis a importancia de fiscalizar as promesas que nos fan. E como din que "o prometido é débeda", ten o Estado previsto saldar esta débeda? Sería de xustiza facelo.

Comentarios