Opinión

O debate deixou espido a Feijóo

O debate a cinco, embora o seu formato encorsetado, foi ilustrativo porque permitiu á sociedade galega coñecer de primeira mao as propostas das diferentes forzas políticas que concorren ás eleccións galegas. Serviu aínda para algo máis: para sermos testemuñas, en prime time, da inconsistencia das posicións de Feijóo en materia económica, da súa pasividade moral perante o fenómeno da corrupción e da súa determinación á hora de non mover un dedo para aumentar os poderes políticos do goberno galego.

O debate deixou, pois, espido a Feijóo. Mostrou as súas debilidades e, como ten publicado o Sermos dixital, obrigouno a recorrer a un amplo catálogo de mentiras e medias verdades para tentar safar do acoso ao que se viu submetido por parte das forzas da oposición. Non admira, pois, que o PPdeG vetase a presenza de Feijóo noutros debates ou que se opoña á proposta do BNG de realización dun segundo asalto tamén nos meios públicos.

O debate deixou, pois, espido a Feijóo. Mostrou as súas debilidades e, como ten publicado o Sermos dixital, obrigouno a recorrer a un amplo catálogo de mentiras e medias verdades

Alén do máis, o debate deixou claro que si existe unha alternativa viábel na Galiza á hora de garantir a gobernabilidade do país na eventualidade de a dereita (PP en solitario ou na compaña de Cs) non vir a conseguir a maioría absoluta. Esa alternativa sería necesariamente pural e progresista e estaría constituída por dous blocos, un -composto por PSdeG e En Marea- favorábel a non tocar o actual statu quo do país (por considerar que o Estatuto de 1981 aínda non está inteiramente desenvolvido) e outro -o formado polo BNG- partidario de abrir un tempo novo e de pór rumo cara a conquista dunha "nación soberana", por empregar a expresión utilizada no debate por Ana Pontón.

En todo caso, é evidente que o debate cambiou dalgún maneira a marcha da campaña -moi fría até ese momento e moi condicionada polos inquéritos de institutos demoscópicos próximos ao Partido Popular- e recolocou as pezas no taboleiro con vistas ao segundo tramo da carreira -co sprint xa ho horizonte- que nos ha levar ao 25S.

Comentarios