Opinión

De viaxe co rei

[Alberte Mera]

Como se a campaña electoral chegase á Galiza, onte viamos o presidente do Estado de visita (anunciando unha carga de traballo para Navantia Ferrol que o persoal do estaleiro xa avisou de que non cubrirá nin 50% da ocupación laboral anterior) e ao presidente da Xunta na Zarzuela. Foi este visitar Felipe VI para enxalzar a monarquía española como símbolo desa indivisíbel unidade de España. 

Mais as últimas semanas de abandono de Feixoo do Goberno galego, primeiro coa "xira" de mítines polo Estado en plena crise pola alza dos prezos e o paro dos transportes, non só lle trouxo as críticas da oposición no Parlamento, senón que tamén está a coincidir co medre de tensión e diferenzas no PP galego. Se onte Feixoo falaba de pisar o acelerador para a súa remuda á fronte de San Caetano e do partido, hoxe tivo que "mandar parar". Uns falaban de bicefalia, outros de que mellor era escoller o substituto en congreso, e outros como Rueda, a quen xa se dá por feito á fronte da Xunta, agradecía os apoios recibidos. 
Parece que a marcha de Feixoo non está  a ser tranquila, nin tranquila para o país que en plena crise ten o seu presidente alongando o seu relevo mentres segue de campaña contra Pedro Sánchez por Madrid, nin tranquila para o seu partido no que afloran as vellas baronías territoriais.

Comentarios