Opinión

De peixes e aves

[María Obelleiro]

No boom da enerxía eólica semella que todo vale. Non chegaba con inzar os montes de ducias de novos proxectos sen atender unha formulación lóxica que tamén pretenden que a costa galega se converta nun negocio para empresas que, por riba, levan as súas ganancias para Madrid. O sector da pesca, representado por importantes colectivos como a Federación Galega de Confrarías, Pescagalicia, Acerga ou o Porto de Celeiro, advirten de que os proxectos de enerxía eólica mariña nos que traballa Iberdrola afectarán gravemente os caladoiros. Alén de teren impacto na actividade sostíbel da pesca, os muíños que quere implantar a empresa de Sánchez Galán -ocuparía cada un dos dous parques 130 quilómetros cadrados- afectarían os corredores de aves na súa migración e tamén os cetáceos. As persoas especialistas consideran a zona de Ortegal como un dos puntos neurálxicos do tránsito de aves a nivel europeo. Sería difícil de xustificar que as Administracións lle desen luz verde a estes dous parques... mais nunca se sabe!

Comentarios