Opinión

Das luces á Risga

[María Obelleiro] 

Sorprendía Abel Caballero a pasada terza feira cando anunciaba o apagado das famosas luces de Nadal de Vigo para este domingo, 8 de xaneiro. Noutros anos atrasárase alén das datas habituais. Xustificaba a decisión polo aforro enerxético, o que, segundo el, era un "aceno". Porén, non tardou un día en dar a marcha atrás apremado por representantes do sector da hostalaría e do comercio e, finalmente, ese Vigo dividido entre quen quere luces e show e quen quere volver retomar con normalidade a súa vida terá luces de Nadal outra semana.

Mais que as luces non nos oculten realidades como a das rendas de inserción. As persoas beneficiarias reciben ao mes na Galiza pouco máis de 423,68 euros, unha cantidade claramente insuficiente, máxime tendo en conta o contexto de alza de prezos. Galiza é, despois de Madrid, a autonomía cunha menor contía nestas axudas que, no caso vasco, chegan aos 706,2 euros ao mes, e no catalán aos 664 euros.

Chama a atención a caída no número de preceptoras e preceptores. Reducíronse en 2021 en 26,2%, até chegar ás 20.313 persoas cando, á vista está, a maior parte das familias non melloraron a súa situación económica. Todos os indicadores mostran o incremento da exclusión social e da pobreza, entón, que acontece? Quizais deberan revisar as esixencias e facilitar uns trámites que se fan imposíbeis.

Comentarios