Opinión

Unha das grandes historias da Galiza

[Xesús M. Piñeiro]

Nós Diario iniciou esta semana a publicación dun coleccionábel sobre a guerrilla galega, a resistencia armada contra o franquismo na que loitaron e conviviron comunistas, socialistas, anarquistas, galeguistas e republicanos a secas. Antifascistas, por usar un termo que os aglutina a todos e que volve ser de uso necesario nestes tempos.

Unha trintena de investigadores e investigadoras fan parte deste coleccionábel, no que a través de 36 entregas irase pescudando, explicando, debullando e analizando un fenómeno (a loita guerrilleira na Galiza), moito máis ampla e plural do que ‘a priori’ se poida pensar.

Un dato de Bernardo Máiz: entre 1939 e 1954 foron detidas na Galiza por volta de 5.000 persoas por algún tipo de colaboración coa guerrilla.

Non é número pequeno e indica que houbo resistencia malia o terror.

Unha memoria democrática galega debería ter presente que, como di Eliseo Fernández, un dos coordinadores deste coleccionábel, que “a pervivencia continuada da resistencia ao golpe militar por case vinte anos sexa unha das grandes historias do país”.

Comentarios