Opinión

A Covid non espera por nós

[María Obelleiro]

Semella que a pandemia colle vacacións, como xa aconteceu no verán, e que o virus opta por non contaxiar nos períodos vacacionais. O feito de que se alivien as restricións -algo que non procede valorar ao non sermos especialistas en viroloxía- e de que se atrase a vacinación parece demostralo. Porén, a realidade é outra e aínda que o número de contaxios sexa baixo en comparación coas cifras achegadas noutras semanas, cómpre reparar nas PCR realizadas, que caeron de maneira considerábel nos últimos días. As hospitalizacións non permiten maquillaxes nin tampouco os falecementos.

Por outra banda, a vacinación avanza con lentitude. O Goberno galego escúdase en probábeis “rupturas de stock” para deixar sen usar 6.500 doses que hai a día de hoxe dispoñíbeis. E iso que aínda onte a Organización Mundial da Saúde chamaba os países a vacinar “o máis rápido posíbel”. Antes de que a Feixoo se lle ocorra privatizar a inoculación -temos exemplos dabondo sobre “externalizacións” na Galiza- cómpre reforzar a sanidade pública.

Comentarios