Opinión

A contaminación como ameaza real

Os riscos da contaminación do ar non son hipotéticos, están cientificamente contrastados e, sen queremos ser alarmistas, constitúen hoxe xa unha ameaza real para a saúde das galegas e dos galegos. Por iso dedicamos o Tema de Primeira deste Sermos217 a esta cuestión e por iso editorializamos sobre un asunto que é ben pór sobre a mesa para, desde a esfera do público, tomar as medidas precisas que garantan a protección da vida humana no noso país.

O máis recente estudo da Organización Mundial da Saúde deita como conclusión que nunha parte moi considerábel do noso territorio se superan neste momento os límites máximos de concentración de pequenas partículas contaminantes (PM) no ar que respiramos. En concreto, as zonas máis atinxidas son os núcleos urbanos da Coruña, Compostela, Vigo e Lugo. Unha dose excesiva de PM pode producir secuelas negativas na saúde humana en forma de riscos para enfermidades como o cancro de pulmón, as doenzas respiratorias crónicas, o ictus, o infarto e as anxinas, segundo explica a Sermos a neumóloga Carmen Diego.

Nunha parte moi considerábel do noso territorio se superan neste momento os límites máximos de concentración de pequenas partículas contaminantes (PM) no ar que respiramos

Non falamos dun problema menor. De acordo coa Axencia Europea de Medio Ambiente, e con dados relativos ao conxunto do Estado, o número de mortes prematuras que teñen como orixe a contaminación do ar alcanza xa as 25.000, moito máis que as que se rexistran nas estradas.

No caso concreto da Galiza, a contaminación ten a ver tamén coa existencia de industrias de enclave -as centrais térmicas, a pasteira Ence, a factoría de Alcoa...- que, nun deseño decimonicamente colonial, deterioran as condicións de vida da biosfera galega sen deixar beneficio económico ningún no país e perante a falta de acción do Estado e da Xunta para controlar a emisión dos principais axentes contaminantes.

Comeza unha nova lexislatura no Parlamento galego. Este asunto debe ser suscitado xa pola oposición política ao PP. A Xunta ten responsabilidades directas na medición da calidade do ar e, indican as persoas expertas na materia, a súa xestión nesta materia está a ser moi deficiente.

Comentarios