Opinión

O consentimento, no centro

[Alberte Mera]

Vivimos esta semana un 8 de Marzo masivo que tinguiu Galiza de lila pola igualdade. Un Día Internacional das Mulleres Traballadoras marcado a nivel político polo confronto da dereita contra os avanzos do feminismo, baixando á lameira máis suxa do debate.

Ante a redución de condenas a violadores após a entrada en vigor da Lei do só si é si deuse un debate en que, en lugar de buscar a maneira de mellorar a lei para evitar rebaixas penais moi preocupantes, o consentimento foi quen estivo na cerna.

Desagradábeis mofas da dereita con lemas como “dimitir si ou si”, burlándose da consigna do feminismo que dá o nome popular á lei, porque esa dereita e os seus poderes fácticos non queren entender que “só si é si, e que o demais é violación”. 

Non poden con esta consigna do feminismo porque desarma o sistema heteropatriarcal sostido sobre a violencia activa e pasiva sobre os corpos e as mentes das mulleres.

Mofas desde a dereita que se repiten contra as persoas trans nun contexto en que se desangran os corazóns coas novas de adolescentes que se suicidan porque non poden máis coas mofas que reciben na súa contorna, porque si, o discurso de odio e as mofas de poderes mediáticos e políticos contra quen non entra no seu patrón reprodúcense nas aulas e en todas as capas da sociedade. Fronte ao odio machista, lila en toda parte.

Comentarios